Servicio Galego de Saúde XUNTA E CONCELLO DE CARBALLO ASINAN O PROTOCOLO QUE PERMITIRÁ A POSTA EN MARCHA DUN CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE NESTA LOCALIDADE

XUNTA E CONCELLO DE CARBALLO ASINAN O PROTOCOLO QUE PERMITIRÁ A POSTA EN MARCHA DUN CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE NESTA LOCALIDADE


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para a execución das obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Carballo que permitirá a súa transformación en centro integral de saúde (CIS). Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Coruña, Gonzalo Trenor, polo xerente da área sanitaria, Luis Verde, así como pola directora de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro.
Con este protocolo, o concello de Carballo comprométese a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames dos terreos lindeiros co actual centro de saúde, terreos coa cualificación urbanística axeitada para a reforma e ampliación do actual edificio e a súa transformación en centro integral de saúde.
Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo os trámites necesarios e as obras de reforma e ampliación do centro de Saúde de Carballo para a súa transformación en centro integral de saúde.
Este protocolo confirma o acordo acadado entre ambas administracións en novembro do ano pasado, trala remisión dunha carta por parte da Xunta ao Concello para solicitar a posta a disposición de terreos que permitiran executar as accións previstas no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta.
Tralo acordo producido nesa reunión sobre a conveniencia de efectuar a ampliación do actual centro para a súa transformación en CIS, a administración municipal efectuou as consultas urbanísticas e técnicas oportunas para a adquisición dos terreos necesarios.
Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.

Plan Funcional para o futuro CIS

Durante o procedemento de elaboración do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través do seu Instituto de Estudos do Territorio, serviu para elaborar un mapa de isócronas e detectar as áreas de maior poboación máis afastadas dun centro hospitalario e, por tanto, candidatas á instalación dun centro integral de saúde. Este traballo identificou a comarca do Deza (na que xa está en execución este centro) xunto coas de Morrazo, Baixo Miño, e Bergantiños, para as que o novo Plan ofrece alternativas. Nomeadamente, en Bergantiños, a través desta opción.

En consecuencia con isto, a Xunta elaborou un Plan Funcional para este centro integral de saúde que supón a ampliación do actual centro carballés para albergar máis consultas na área clínica e de diagnóstico e para a súa transformación en centro integral de saúde cunha área integral da muller, unha área completa de rehabilitación e a creación dunha área integral de hemodiálise con ata 25 postos, que evitará o desprazamento de pacientes á Coruña, incrementando a calidade asistencial a través da mellora da accesibilidade e da dotación tecnolóxica acorde ás necesidades detectadas.
O Plan Funcional contempla incrementar, con respecto ao actual, a área de adultos con catro consultas de médico de familia, tres de enfermería, un despacho de xefe de servizo e tres salas polivalentes; incorporar na área da muller unha sala de educación sanitaria, unha consulta de obstetricia e unha de rehabilitación de solo pelviano; incrementar a área de pediatría con aseos e sala de lactancia; aumentar a área de especialistas de especialistas cunha consulta de enfermería, unha de reumatoloxía, unha de cirurxía e un gabinete de explotación oftalmolóxica; crear unha área de docencia con catro consultas e unha aula de formación; ampliar o Punto de Atención Continuada cunha cuarta consulta consulta; sumar na área de saúde mental unha segunda consulta de psiquiatría e unha de docencia; duplicar o espazo da sala de fisioterapia e crear a mencionada área de hemodiálise con 300 m2.
En consecuencia con iso, o Plan de Infraestruturas priorizou, dentro da súa Fase 1, a obra de reforma e ampliación do actual centro de saúde de Carballo, con máis de 30 anos de antigüidade, ao entender que precisaba dunha reforma e ampliación para poder acoller novas prestacións a desenvolver en atención primaria.

Infraestruturas de atención primaria na Área Sanitaria da Coruña e Cee

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 m2. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na Área Sanitaria da Coruña e Cee, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Golada-Coristanco, A Covada-Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), O Temple-Cambre, Buño-Malpica, Vilarrodís-Arteixo, O Portádego-Culleredo, así como o novo PAC en A Laracha.

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Malpica de Bergantiños, Coristanco e Cee, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 no centro de saúde de Bergondo.
Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que, no caso da área sanitaria da Coruña e Cee, contempla a construción de catro novos centros de saúde nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Fisterra e Malpica de Bergantiños (onde se asinou tamén un protocolo).
Ademais, o Plan contempla a realización das obras de reforma do PAC do centro sanitario de Acea de Ama (Culleredo), que se iniciaron o pasado mes de outubro por importe de case 150.000 euros.


2022122120cis20carballo3_20221221132450.jpg


Fuente: Servizo Galego de Saúde
 

Quizás pueda interesarte:

foropositores
Respuestas
0
Visitas
102
foropositores
foropositores
Arriba