Servicio Galego de Saúde OS ACORDOS DE XESTIÓN DO SERGAS PARA 2023 CENTRAN O SEU OBXECTIVO EN RECUPERAR OS TEMPOS DE ESPERA PREVIOS Á PANDEMIA NAS INTERVENCIÓNS CIRÚRXICAS, AS

OS ACORDOS DE XESTIÓN DO SERGAS PARA 2023 CENTRAN O SEU OBXECTIVO EN RECUPERAR OS TEMPOS DE ESPERA PREVIOS Á PANDEMIA NAS INTERVENCIÓNS CIRÚRXICAS, AS CONSULTAS E AS PROBAS DIAGNÓSTICAS


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu hoxe o acto de sinatura dos Acordos de Xestión para o vindeiro ano, asinados polo Sergas coas sete áreas sanitarias. No acto, o máximo responsable da sanidade pública galega sinalou que estes acordos centran a súa atención en tres grandes liñas, a saúde pública, a atencion primaria e as listas de espera, dirixindo os seus maiores esforzos en recuperar os tempos de espera previos á pandemia para todas as probas diagnósticas, consultas ou intervencións cirúrxicas.

“Estes plans hoxe asinados son a mostra do compromiso que o Sergas adquire cada ano co fortalecemento da sanidade pública galega”, tendo como finalidade acadar os obxectivos de mellora da atención á saúde da poboación da nosa comunidade.

Tal e como lembrou o conselleiro, a actividade cirúrxica en toda España está aínda moi resentida polos efectos da pandemia e, malia todo, Galicia atópase na boa dirección xa que o último informe publicado polo Ministerio, referido ao primeiro semestre do ano, reflicte que a nosa comunidade conta co cuarto mellor tempo de espera cirúrxico de España, 75 días fronte aos 113 da media estatal. No que atinxe a una primeira consulta, Galicia está en quinta posición, ao presentar 55 días de espera media, 24 menos que a media española de 79 días.

Estes datos son mellorables, -dixo o conselleiro-, quen estivo acompañado no acto pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, por iso “o obxectivo da Xunta é recuperar as cifras de 2019, que foron as de mellor rexistro histórico”, situando o tempo medio de espera global en 42 días no caso das probas e consultas, e de 54 días, nas intervencións cirúrxicas.

Para acadar ese obxectivo, Comesaña remarcou que “a Xunta está a traballar nun Plan de intensificación da actividade asistencial para o vindeiro ano, que vai afectar, dun xeito especialmente intenso, ao ámbito hospitalario”.

O Plan, que se desenvolverá no 2023, habilitará fórmulas, -proseguíu o conselleiro-, para a atención aos pacientes “e medidas novidosas co obxecto de axilizar as intervencións cirúrxicas e, deste xeito, reducir as listas de espera e volver ás cifras de 2019”.


Saúde pública e atención primaria

Tal e como detallou o responsable do Sergas na súa intervención no acto de sinatura, outro dos obxectivos para o vindeiro ano é a implantación, ao longo de 2023, da nova historia clínica, que incorpora a capacidade de que os profesionais sanitarios se comuniquen mediante videochamada cos seus pacientes.

No que atinxe á saúde pública, os acordos sinalan dúas metas que establece como prioritarias. Ao respecto, o departamento sanitario galego quere protexer á poboación máis vulnerable fronte aos virus, por iso marca o obxectivo de acadar unha cobertura do 60% da vacinación na franxa de idade entre os 6 e os 59 meses. No ámbito dos cribados, ten especial importancia o cumprimento do cribado de cancro de colon, establecéndose como prioridade a redución do tempo de espera a menos de 60 días para o acceso a unha colonoscopia.

No eido da atención primaria, os obxectivos, -dixo Comesaña-, “son acadar o 90% de citas de medicina de familia e renovación de receitas en menos de catro días”. Tamén fíxase como obxectivo a implantación do Programa XIDE (Xestión da Demanda en Equipo), co seu funcionamento en todos os centros de saúde de cada área. Establécense tamén obxectivos de mellora na atención domiciliaria dos pacientes crónicos, co fin de acadar o 50% de atención programada a domicilio. Xunto ao anterior, seguirase coa extensión dos plans locais de saúde.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro subliñou que a finalidade da Xunta é unha maior optimización dos recursos dispoñibles, “coa vista posta nunha atención centrada no paciente” e estes acordos hoxe asinados “axudarán a conseguir estes obxectivos, en beneficio de profesionais sanitarios e pacientes, e nunha sanidade pública máis forte”.



Fuente: Servizo Galego de Saúde
 

Quizás pueda interesarte:

foropositores
Respuestas
0
Visitas
23
foropositores
foropositores
Arriba