Servicio Galego de Saúde O HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO ACOLLE UNHA XORNADA DE PORTAS ABERTAS PARA PERSOAS CON EFERMIDADES REUMATOLÓXICAS E INMUNO-MEDIADAS

O HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO ACOLLE UNHA XORNADA DE PORTAS ABERTAS PARA PERSOAS CON EFERMIDADES REUMATOLÓXICAS E INMUNO-MEDIADAS


Trala experiencia satisfactoria obtida o ano pasado, o Grupo de Investigación en Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas (IRIDIS), do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, organizou unha nova edición do OpenLab, xornada de portas abertas para as principais asociacións galegas de persoas con este tipo de enfermidades.

A esta xornada, que supuxo unha oportunidade excepcional para que as persoas afectadas por estas enfermidades e os seus familiares obtiveran de primeira man información acerca dos proxectos de investigación básica traslacional que se están a desenvolver en relación coas súas patoloxías, acudiron máis de 50 persoas.

No programa a desenvolver, ademais das diferentes charlas e debates dos responsables científicos e representantes das asociacións de enfermos, realizouse unha visita aos laboratorios de investigación, na que se expuxo polo miúdo a evolución dos ensaios clínicos e os proxectos de investigación básica que realiza tamén este grupo.


Contacto directo co paciente

Esta xornada, coordinada polo doutor José María Pego, investigador principal do Grupo IRIDIS e polo investigador sénior do mesmo Grupo, o doutor Samuel García Pérez, quere achegar de primeira man aos pacientes a evolución do seu traballo ao longo do ano na investigación destas enfermidades, así coma dar novas pautas terapéuticas para os doentes. A sesión tamén contou coa participación do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente.

Neste sentido, esta nova edición de OpenLab tratou de amosar os proxectos de investigación básica-traslacional do grupo, que se enfocan na identificación de biomarcadores preditores de evolución da enfermidade e resposta á terapia, e na identificación de novas terapias para as enfermidades reumáticas inmuno-mediadas, tales como artrite reumatoide, artrite psoriásica, lupus eritematoso sistémico e esclerodermia.

Tras estas charlas informativas, os asistentes tiveron a oportunidade de visitar persoalmente os laboratorios nos que se realizan estas investigacións, mostrándolles a metodoloxía do traballo de investigación neste eido, así coma os recursos existentes para o desenvolvemento deste labor.

Tanto os asistentes a título particular como as asociación, de maneira colectiva, amosaron a súa satisfacción por esta iniciativa, por canto lles permite coñecer in situ o labor científico e, sobre todo, intercambiar experiencias e información, o que supón a base desta investigación translacional, que pon no centro de mira ao paciente.


22122120xornadas20reumatolc3b3xicas_20221221140655.jpg


Fuente: Servizo Galego de Saúde
 

Quizás pueda interesarte:

Arriba