Servicio Galego de Saúde A XUNTA IMPULSA UN ACORDO PARA A MELLORA DO BENESTAR E A DIMINUCIÓN DA PEGADA DE CARBONO MEDIANTE O USO DE MADEIRA NAS CONSTRUCIÓNS DE CENTROS DE SAÚD

A XUNTA IMPULSA UN ACORDO PARA A MELLORA DO BENESTAR E A DIMINUCIÓN DA PEGADA DE CARBONO MEDIANTE O USO DE MADEIRA NAS CONSTRUCIÓNS DE CENTROS DE SAÚDE


O conselleiro do Medio Rural, José González, e de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron un acordo de colaboración para a mellora do benestar e a diminución da pegada de carbono mediante o uso de madeira nas construcións dos centros de saúde. Este convenio foi artellado a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o Sergas e ten como obxecto crear contornas que favorezan a sensación de benestar nos centros sanitarios e impulsar o uso de materias de orixe biolóxico e reciclables nas obras públicas para diminuír a pegada de carbono.
Este acordo busca incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal, na procura de solucións estruturais verdes que contribúan ao coidado do medio ambiente. Cómpre lembrar que a madeira, ao ser renovable e sustentable, é unha materia prima clave para o modelo de transición de Europa cara a unha bioeconomía circular destinada a impulsar a competitividade global, fomentar o crecemento económico sustentable e a xeración de novos postos de traballo.
A maiores, cabe recordar que xa se está a introducir a madeira nas fachadas como elemento estrutural nas obras de rehabilitación, reforma, ampliación e nova construción do Sergas. Actualmente, xa está en execución o centro de saúde do Porriño, e en tramitación os novos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla e Abegondo, ou a construción do novo centro de saúde Novoa Santos de Ourense, que xa se considera vai ser unha das grandes obras de construción en altura con madeira en España.
Neste acordo o CIS Madeira, pertencente a Axencia Galega da Industria Forestal, vai xogar un rol fundamental, fornecendo do coñecemento e do soporte en todo o que precise o Sergas en materia de construción en madeira. O seu asesoramento e experiencia achegarán unha maior calidade no uso da madeira dende o inicio da licitación destas obras ata a súa execución, dando o apoio necesario que sexa demandado polo Sergas.
A industria Forestal de Galicia é un sector estratéxico da economía galega que mantén máis de 21.000 postos de traballo directos. Ademais, a construción con madeira móstrase como un dos camiños que permiten combater o cambio climático ao mesmo tempo que impulsa a xeración de valor na cadea monte industria.
Este acordo entre os conselleiros de Medio Rural e Sanidade terá catro anos de vixencia, coa probabilidade de prorrogalo ata un máximo de oito anos, sempre que a prórroga se adopte con anterioridade á finalización da súa vixencia.

Fuente: Servizo Galego de Saúde
 

Quizás pueda interesarte:

Arriba