Más de 1.000 opositores nos visitan diariamente para informarse, por algo será ;)
 Ayuda a mantener la web activa  Propuestas de colaboración

Servicio Galego de Saúde A XUNTA ADQUIRE POR 1’4 MILLÓNS DE EUROS 97 LÁMPADAS CIRÚRXICAS PARA RENOVAR OS QUIRÓFANOS GALEGOS

A XUNTA ADQUIRE POR 1’4 MILLÓNS DE EUROS 97 LÁMPADAS CIRÚRXICAS PARA RENOVAR OS QUIRÓFANOS GALEGOS


A Xunta de Galicia vén de formalizar o contrato para adquirir por un importe de 1’4 millóns de euros, un total de 97 lámpadas cirúrxicas, coas que renovará este equipamento no conxunto de hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.

Co obxectivo de garantir unha correcta cobertura sanitaria á poboación galega, o Executivo galego adquire uns equipos de iluminación que substituirán aos agora instalados nos bloques cirúrxicos de hospitais galegos, e que arestora contaban con máis de 15 anos de antigüidade. Así, a empresa adxudicataria dispón agora dun período de dous meses de prazo para completar a instalación dos dispositivos.

En concreto, 15 destas lámpadas destinaranse á área sanitaria de Vigo; 17 aos centros hospitalarios da área de Santiago de Compstela e A Barbanza; 19 á de Coruña e Cee; 26 para a área Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; 13 para a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 5 para a área sanitaria de Ferrol, e 2 para a de Pontevedra e O Salnés.

As novas lámpadas, baséanse en diodos LED de baixo consumo, posibilitando unha mellor iluminación dos quirófanos e tamén un aproveitamento máis eficiente da enerxía eléctrica. Así, a adquisición deste novo equipamento insírese na estratexia do Servizo Galego de Saúde que ten por obxecto favorecer un uso máis racional da enerxía e contribúir á sustentabilidade do sistema sanitario.

O suministro desta lámpadas foi susceptible de financiamento mediante o progama operativo Feder-Galicia como parte da resposta da UE á pandemia provocada pola covid-19.


Máis investimentos nos bloques cirúrxicos
A Xunta de Galicia mantén o firme compromiso de renovación do equipamento tecnolóxico sanitario apostando porque Galicia conte cos mellores recursos tecnolóxicos dispoñibles para o tratamento das doenzas de todas as galegas e galegos e que os nosos profesionais conten cos mellores recursos para poder facelo. Nos Orzamentos para 2021, a Xunta orientou case 60 millóns dos fondos REACT-EU para este fin.

Neste senso, o Executivo galego realizou un investimento de máis de 4’3 millóns de euros para adquirir 37 novos equipos radiocirúrxicos. Destes 37 equipos, tres deles son radiocirúrxicos-vasculares. Destinándose, en exclusiva, aos quirófanos onde se practica este tipo de cirúrxia, ao permitir a realización de técnicas complexas: como a reparación endovascular de vasos arteriais periféricos en membros inferiores, sistema carotídeo e enfermidade dexenerativa da aorta torácica e abdominal.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos renovan os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Estes aparellos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas.

Outro fito a destacar foi a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados ‘Da Vinci’, un para cada unha das áreas sanitarias, que levan un ano funcionando e permitiron realizar xa máis de 1.500 intervencións. O investimento xa comprometido pola Xunta de Galicia para a instalación, mantemento e material para o funcionamento deste equipamento supera os 56 millóns de euros.

Estes sistemas robótico-cirúrxicos contribúen a mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica. Esta maior destreza permite ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, nalgúns casos serían imposibles.

Así mesmo, os Orzamentos da Xunta para o ano 2022 están a supoñer un investimento de máis de 90 millóns de euros destinados á tecnoloxía e ao equipamento para os centros sanitarios galegos. Esta partida xa permitiu licitar por 3 millóns de euros a renovación de máis de 50 mesas cirúrxicas da rede de hospitais públicos galegos.

Tamén dentro dese investimento, a Xunta está a destinar 61,3 millóns dos fondos Next Generation para renovar e ampliar o equipamento de alta tecnoloxía dos hospitais galegos, tendo autorizados xa os contratos para renovación ou incorporación de 4 aceleradores lineáis, 9 resonancias magnéticas, 34 TACs, 3 equipos PET-TC ou 8 equipos de radioloxía vascular e neurovascular.

lampadascirurxicas_20220723122505.jpg


Fuente: Servizo Galego de Saúde
 

Quizás pueda interesarte:

Arriba